Wednesday 03 de July de 2024

I Carreira Benéfica IES de Carral


O concello de Carral e o IES de Carral organizarán o próximo 5 de xuño a 1ª edición da carreira na que se espera xuntar a máis de 350 corredores

O concello de Carral e o IES de Carral, están a preparar a I CARREIRA BENÉFICA IES DE CARRAL prevista para o día 5 de xuño. Esta carreira popular nace co dobre obxectivo de fomentar a práctica deportiva saudable e o de recadar fondos para as saídas culturais dos alumnos e alumnas do centro educativo. Ademais, desde o departamento municipal de deportes e o departamento de educación física do Centro preténdese achegar o mundo da xestión e organización deportiva, aos alumnos de secundaria que participarán no evento como voluntarios.

Os corredores dividiranse en 8 categorías en función das súas idades, que poderán abarcar desde os 3 anos en diante, e que determinará a distancia da súa carreira. Así, os pitufos e prebenjamines disputarán unha distancia de 100 metros; os benjamines correrán xa os 400 metros; os alevíns correrán nun circuíto de 800 metros; infantís correrán ao longo de 1.600 m; cadetes 2.500 m; e xuvenís e senior que terán que percorrer unha distancia aproximada de 5.000 m. Para os máis atrevidos tamén terán a oportunidade de anotarse á carreira de 10 km, que consta de 4 voltas ao circuíto. Estes percorridos discorren entre estradas do concello de Carral, transitando polos lugares de Carral, Ans e Paleo.

Os máis pequenos empezarán a correr ás 10.30 da mañá sucedéndose cada 15 minutos as seguintes categorías, ata chegar ás 12.30, momento no que está previsto que arrinquen as distancias de 5 e 10 km.

Durante o transcurso das probas deportivas, as estradas estarán cortadas ao tránsito dos vehículos por voluntarios, a policía local e protección civil de ambos os concellos. Espérase que en 3 h as vías volvan estar operativas.

Unha vez terminadas as carreiras pasaremos á entrega dos premios. Entregarase un trofeo ao primeiro e medallas aos 2º e 3º de cada categoría.

A inscrición vai desde os 0? dos máis pequenos aos 10 ? da proba de 10 km. Tamén é posible colaborar sen competir, xa que aqueles interesados poden participar co dorsal 0, no que o público pode doar a cantidade económica que desexe para colaborar co obxectivo da carreira. Os beneficios da carreira destinásense a financiar as saídas culturais dos alumnos e alumnas do Centro Educativo. Para formalizar a inscrición os interesados terán que dirixirse á páxina https://championchipnorte.com/ onde teñen toda a información da proba.